Canal+ di adeus hoxe para dar paso a #0

luns, 1 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Hoxe é un día importante para o audiovisual español, xa que, tras preto de 26 anos de actividade cesará as súas emisións Canal+, a histórica canle de televisión que estreou en España numerosos conceptos como o acceso a contidos de pagamento, as estreas cinematográficas a poucos meses do salto dos filmes ao videoclubs, as películas para adultos, as redifusións de espazos (para permitir que os espectadores puidesen velos a horas distintas das programadas para a súa estrea) e incluso unha curiosa combinación entre contidos codificados e en aberto que lle deron unha marca de identidade perdida hai tempo (coa súa desaparición na grella da televisión terrestre).
Agora que a plataforma televisiva á que pertence Canal+ está baixo o paraugas de Movistar, a compañía quere desprenderse da marca anterior, e hoxe transformará a histórica canle de pagamento (actualmente nos paquetes básicos de televisión de Movistar sen custo adicional) en #0, espazo televisivo que parece querer ser un reclamo para achegar aos consumidores a Movistar+, e que comeza forte con Late Motiv, o novo programa nocturno de Andreu Buenafuente; a Web Therapy de Eva Hache; Likes de Raquel Sánchez Silva; a serie documental 9 meses de BBC Earth; a produción orixinal Cómicos; o revolucionario formato televisivo de La Huíida; os deportes de Movistar Arena; o programa de Jon Sistiaga Tabú; e incluso o tablet show de grupos vocais The Naked Choir.
Coa estrea de hoxe o vello Canal+ renóvase completamente, de xeito que deixa de ter unha grella sen personalidade e elaborada por inercia dende a compra por parte de Movistar, para adoptar unha forma de seu, aínda que coa mágoa que a moitos pode dar a perda dunha marca tan senlleira como a de Canal+.

Likes será un dos novos programas estrela de #0

Vídeo de benvida de #0

PUBLICIDADE