Cancelan as vendas do Samsung Galaxy Note7 tras detectar unha serie de baterías defectuosas

venres, 2 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que hoxe estaba previsto o lanzamento europeo do Samsung Galaxy Note7, o seu fabricante decidiu conxelar a súa comercialización e iniciar un programa voluntario de substitución de dispositivos ante a aparición de varios incidentes co novo dispositivo que podería levar ao seu incendio ou explosión.
Dende Samsung investigaron os 35 casos xurdidos a nivel mundial e concluíron que se debía a un problema na batería, polo que teñen que identificar exactamente cales son as baterías afectadas (que chegan de distintos subministradores) para así poder erradicar este serio problema de seguridade.
Cómpre lembrar que este tipo de problemas é algo bastante habitual no mercado de electrónica de consumo, e xa se deron numerosos incidentes, por exemplo, con ordenadores portátiles con baterías fabricadas por Sony (que no seu día fora todo un escándalo) e nos teléfonos móbiles habitualmente xurdía por fallos nos cables ou nos cargadores, o que neste caso parecía ser a causa inicial, xa que estamos ante o primeiro smartphone de Samsung cun porto USB-C (que é todo un reto pola enorme achega de corrente que permite), pero finalmente veuse que se trata dunha serie de baterías defectuosas, o que podería ser un problema bastante limitado de identificarse doadamente a fonte das baterías con problemas (facilitando así a retirada do mercado só dos terminais afectados e non de toda a produción).
Queda por ver agora se solucionarán a incidencia antes do día 9, cando estaba prevista a chegada a España do novo produto estrela de Samsung.

PUBLICIDADE