Case un milleiro de blogueiros vense estes días as caras en París

luns, 11 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Calquera escusa é boa para reunirse, e o fenómeno blog, a xulgar pola interminable listaxe de congresos e xuntanzas diversas que orixina, é un dos máis potentes pretextos da actualidade.
Hoxe luns 11 e mañá martes estase a celebrar en París o que podería ser unha boa mostra desta teima de verse as caras que teñen os blogueiros de tódolos recunchos do mundo logo de longas tempadas imaxinándose uns ós outros.
Estamos a falar de Les Blogs, organizado por Six Apart e que conta xa con case un milleiro de participantes (cada un coa súa bitácora persoal como carta de presentación) procedentes dunha nada desprezable cifra de países: 36.
As xornadas, que transcurrirán en base á presentación continua de proxectos e innovacións web, apóianse sobre unha temática que a estas alturas corre o risco de ser tan inevitable coma un tópico: a Web 2.0. Sexa como sexa, haberá marxe para falar doutros asuntos, algúns cinguidos ó devandito: a mobilidade ou a suposta nova burbulla tecnolóxica na que presumiblemente vivimos e sen decatarnos.
Un dos blogueiros alí presentes e que está a facer seguemento deste encontro é o galego Enrique Dans, quen nos está a poñer ó tanto dos acertos (a charla de Niklas Zennstöm sobre The Venice Project ou a de Lorraine Twohill sobre a evolución das ferramentas de Google) e dos fracasos (unha vez máis, a conexión sen fíos falla).

PUBLICIDADE