Change Makers busca en Galicia os futuros líderes da economía circular e as metodoloxías áxiles

mércores, 30 de marzo do 2022 S. P.

Desde a entidade estatal Fundación Equipo Humano crearon un programa formativo que combina o uso de metodoloxías áxiles e a economía circular, co obxectivo de xerar impacto e mellorar a competitividade das empresas españolas. Trátase de Change Makers, unha iniciativa para, en palabras da organización, brindar apoio e capacitación aos profesionais nos novos (e sustentábeis e tecnolóxicos) xeitos de producir e xerar riqueza. As sesións máis recentes organizáronse en 6 edicións distribuídas entre Galicia, Andalucía, Estremadura e Murcia, co obxectivo de formar 93 changers. O programa conta cunha parte de formación de 72 horas de duración que combina as metodoloxías Visual Thinking, Lean Startup e a aprendizaxe colaborativa por proxectos.
Co obxectivo de “adaptarse ás condicións actuais derivadas da COVID-19”, o programa realízase de maneira en liña, sendo Nicola Cerantola, recoñecido experto en economía circular e creador da ferramenta EcoCanvas, a peza central do equipo de profesionais e formadores do mesmo.
As persoas que trala formación adquiran a denominación de change makers terán como “misión” ser axentes activos de cambio para que, desde as empresas nas que traballen, “axuden a deseñar e xestionar alternativas viábeis para o futuro da economía, do planeta e da nosa sociedade”, segundo sinalan dende a Fundación Equipo Humano.
Actividade recente
Tras cinco meses de formación a cabalo entre 2021 e 2022, as persoas participantes finalizaron o curso de economía circular e metodoloxías áxiles. A formación realizouse a través de Internet, combinando sesións en directo con actividades en grupo e outros contidos accesíbeis a través dunha plataforma de e-learning. Ademais, cada alumno desenvolveu o seu propio proxecto fin de curso, no que, coa axuda dun titor, planifica unha idea de empresa sustentábel.
Estes proxectos, serán presentados o día 8 de abril do 2022 nun Demoday, no que os participantes, ademais de expor cadansúas contribucións ante Nicola Cerantola, recibirán un certificado de finalización e aproveitamento do curso, converténdose así oficialmente en axentes de transformación circular.
Nova edición
Segundo informa a organización este verán comezará unha nova edición de Change Makers, desta volta dirixida a persoas desempregadas. Para participar neste programa, as persoas interesadas deben preinscribirse a través da web do programa. Para seren candidatas, son requisitos básicos residiren en Galicia, Asturias, Andalucía ou Valencia, e estar desempregadas e inscritas na oficina de emprego.

PUBLICIDADE