Chega La Nevera Roja Premium con máis de 130 restaurantes adheridos

venres, 10 de xullo do 2015 Redacción

Caroline Wakefield, directora executiva da división Premium

A plataforma en liña para entrega de comida La Nevera Roja, creada polo vigués José del Barrio e agora integrada en Rocket Internet, está a complementar a súa actividade cunha nova achega en España, La Nevera Roja Premium, dispoñíbel polo de agora para as cidades de Madrid e Barcelona. O novo servizo, que xa ten máis de 130 restaurantes adheridos, foi lanzando co obxectivo firme de “revolucionar o negocio da entrega de comida en liña en España”.
Segundo informan os responsábeis da plataforma, a versión Premium foi “un paso natural” na súa evolución. “Tralo éxito de La Nevera Roja”, sinala Caroline Wakefield, directora executiva desta nova póla de actividade, “fomos testemuñas dunha crecente demanda de diversas opcións de comida de calidade nas devanditas cidades”. Premium diríxese pois a satisfacer esta demanda de diversidade. Isto, engade Caroline, significa entre outras cousas que os establecementos van gozar dun acceso directo a unha base de clientes moito maior e, como consecuencia, ao aumento dos seus ingresos. E todo sen ter que contratar aos seus propios mensaxeiros.
Por outra banda, explica Caroline, a existencia dun servizo coma este deixa ceibes aos restauradores para facer o que saben facer mellor: crear pratos. “La Nevera Roja Premium”, di, “encárgase do resto”. Ou sexa, de recoller a comida e entregala aos clientes.
Todas as entregas realízanse en moto coa axuda dun avanzado algoritmo tecnolóxico que optimiza o proceso. Para asegurar que os produtos manteñan a súa alta calidade e cheguen ao destino dentro dunha media de menos de 38 minutos, os pedidos limítanse a unha área delimitada.
Lembrar que a empresa de raizame galega foi adquirida pola plataforma alemá Rocket Internet en febreiro deste ano co 100% do capital social transferido. A filial Premium introduciuse en España coa intención de ampliar e diversificar o negocio.
Como funciona?
La Nevera Roja Premium ofrece distribución eficaz aos establecementos de calidade seleccionados previamente e que arestora non teñen o servizo de entrega de comida. Na web do servizo os clientes piden a súa comida entre unha ampla escolma de restaurantes referenciais que están dispoñíbeis dentro da súa área; a plataforma encárgase do resto. Os seus repartidores implicados recollen os pedidos e lévanos aos clientes empregando motos personalizadas coa marca. Os clientes poden pagar os seus pedidos con cartón de crédito ou PayPal.

PUBLICIDADE