Chega Localsafe, unha app galega para axudarnos a coñecer os negocios máis seguros na pandemia

luns, 8 de xuño do 2020 S. P.

Prosegue, incansábel, a actividade innovadora galega para plantar cara á COVID e ás súas consecuencias. Entre as máis importantes contribucións á esta fronte tecnolóxica anti-virus atópase a da empresa galega Amodo Soluciones, firma galega de software radicada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Amodo desenvolveu unha aplicación móbil que permite aos usuarios coñecer os establecementos máis seguros en relación á pandemia. Segundo lembra a Tecnópole, trátase da primeira app destas características en España.
Chámase Localsafe e unha das súas máis relevantes contribucións é que axuda á cidadanía a localizar de maneira áxil e cómoda os negocios adheridos na súa contorna, amais de coñecer as medidas habilitadas polos negocios en materia de medidas sanitarias e de control.
A aplicación xa está dispoñíbel en App Store e en Play Store de Android.
As empresas teñen que rexistrarse previamente na web da ferramenta, onde ata o momento cóntase xa con preto de 16.000 firmas repartidas por todo o territorio estatal. “A boa acollida débese á necesidade dos establecementos de dar a coñecer os seus esforzos neste ámbito e poder así ofrecer máis seguridade aos seus clientes para volver á actividade normal”, sinala o xerente de Amodo Soluciones, Diego González, engadindo que xa hai varias institucións que depositaron a súa confianza nesta iniciativa para acoller diferentes “marcas” de seguridade sanitaria. Nesta liña, Amodo Soluciones chegou a un acordo con diversas compañías de referencia na seguridade e calidade dos establecementos.
A empresa iniciou unha campaña baixo a lema Protexe para protexer. “A COVID-19 xerou unha brecha de confianza entre establecementos e usuarios que a aplicación pretende reducir. Son moitos os esforzos que realizaron diferentes estamentos da sociedade para mitigar os efectos da pandemia: desde a propia Administración Pública mediante esixencias legais, pasando por organismos de certificación, ata as propias empresas que están a mellorar a marchas forzadas todos os seus establecementos para recibir aos clientes coas mellores medidas de seguridade. Un dos motivos do éxito da aplicación é a confluencia na mesma dos esforzos de gran parte da sociedade”, comenta Diego González.
A través desta app os usuarios poderán filtrar os establecementos segundo a actividade realizada e observar as medidas de seguridade habilitadas en cada un deles mediante un cómodo sistema de clasificación. A aplicación conta cun buscador de diferentes tipos de establecementos, un localizador daqueles que dispoñan do selo Localsafe na contorna do usuario, unha descrición de cada un dos locais, unha valoración realizada polos propios usuarios de cada un deles, xunto a unha clasificación por niveis de seguridade.
Segundo as diferentes medidas en elementos de seguridade, os establecementos poderán contar na aplicación con distintivos Silver, Gold e Platinum.
Os responsábeis da ferramenta penduraron na rede Youtube varios vídeos sobre as súas principais vantaxes e posibilidades para as empresas de calquera sector.

PUBLICIDADE