Chega a Europa o Samsung Galaxy S

xoves, 3 de xuño do 2010 Marcus Fernández

O móbil Samsung Galaxy S, posiblemente o mellor terminal co sistema operativo Android, chega finalmente hoxe a Europa, e nos vindeiros meses conseguirá distribuírse a través de máis dun cento de operadores móbiles de todo o mundo, aínda que os norteamericanos deberán agardar bastante para que este atractivo móbil chegue ao seu territorio.
O Samsung Galaxy S é un móbil con pantalla táctil Super AMOLED de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, cámara de 5 Mpíxeles (con gravación de vídeo a 720p) e outra VGA para videochamada, procesador a 1 GHz con aceleración gráfica, Bluetooth, Wi-Fi N, USB, aGPS, 512 Mb de RAM, 16/8 Gb de memoria interna (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb), unha batería de 1.500 mAh, unhas medidas de 64,2 x 122,4 x 9,9 milímetros e un peso de 119 gramos.
Pero, aparte dun excelente hardware, este móbil tamén destaca por empregar a interface de usuario TouchWiz 3.0, soportar a entrada de texto de xeito áxil utilizando a tecnoloxía Swype, lectura e edición de documentos de Office 2007 mediante ThinkFree, tecnoloxía de realidade aumentada integrada e unha excelente reprodución multimedia que incluso soporta vídeos en formatos WMV, AVI, FLV e MKV.

PUBLICIDADE