Chega á Rede o dominio .tel

venres, 23 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

Aos dominios .es, .com, .org e .net, os máis empregados polos internautas do eido estatal, temos que engadirlle agora o novo dominio .tel, que vén de irromper con forza en Internet da man da compañía británica Telnic.
Esta extensión permite gardar, publicar e actualizar toda a información de contacto en Internet baixo un nome de dominio exclusivo e sen necesidade dun sitio web e xa son moitas as compañías no mundo que rexistraron o seu propio sitio con .tel na fase Sunrise de rexistro de marcas comerciais (aberta ata o vindeiro 3 de febreiro).
Compañías como Google, Apple, Microsoft, MySpace, Sony, Visa, McDonalds, Orange, MTV, Dell, Coca-cola, Vodafone, Honda, Intel ou Starbucks, entre outras, xa se fixeron con seu propio dominio .tel e en España o BBVA e o Banco Santander foron as pioneiras en facerse con el.
Esta extensión xa é denominada por moitos como “as novas páxinas amarelas” xa que chegan para simplificar o acceso á información de contacto de empresas e particulares dende calquera dispositivo conectado a Internet.
En definitiva, grazas ao dominio .tel, os internautas xa non terán que fozar na web oficial de unha compañía para atopar o seu teléfono de atención ao cliente (cando as máis das veces nin sequera aparece) xa que abondará con que tecleen o “nomedaempresa.tel” para ter a un só golpe de rato toda a información de contacto, así como os datos de localización.
Segundo afirman os seus responsables, esta ferramenta “contén funcionalidades moi valiosas” para pequenas empresas ou profesionais liberais xa que lles permite ter presenza na Rede sen necesidade de desenvolver unha páxina web ou obter unha moi boa indexación en buscadores grazas á posibilidade de engadir á súa páxina .tel unha serie de palabras clave.
Deste xeito, unha perruquería, un restaurante ou unha tenda de mobles non necesitan crear unha páxina web para ter presenza en Internet e poñer á disposición dos seus clientes todos os seus datos de contacto e localización.
Asemade, afirman, “é ideal para que os particulares poidan centralizar toda a información de contacto nun único sitio”, incluíndo perfiles en redes sociais (teléfono, e-mail, Facebook, Flickr, Skype…). O dominio para particulares estará dispoñible para rexistro a partires do vindeiro 3 de febreiro, cando se inicia a fase Landrush. Ata entón pódese probar de balde visitando esta ligazón.

PUBLICIDADE