Chega ao Domus a mostra de fotografías científicas e tecnolóxicas máis espectaculares do ano

luns, 16 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e o Consello Superior de Investigacions Científicas (CSIC) veñen de instalar no Domus da Coruña a exposición fotográfica itinerante, Fotciencia8, que permanecerá alí ata o vindeiro 19 de febreiro.
As imaxes da mostra son as máis salientables da oitava edición do Certame Nacional de Fotografía Científica, celebrado o pasado ano, que tiña como obxectivo achegarlle a ciencia e a tecnoloxía a toda a cidadanía a través dunha visión artística e estética da mesma.
Na mostra expóñense 50 instantáneas seleccionadas polo xurado e pola organización de entre tódalas presentadas a concurso, incluídas as gañadoras e as que máis gustaron entre a comunidade internauta: a de Demetrio Calle, que leva por título, Frente a la pared de hielo; e a de Marina Trigueros, Mascarada floral.
Esta exposición, que xa percorreu a xeografía española dende que se inaugurou o pasado 11 de decembro en Barcelona, fai na Coruña a súa última parada.

PUBLICIDADE