Chega dende Galicia o proxecto BIMA, o Google Maps do medio marítimo

mércores, 23 de marzo do 2022 S. P.

Nesta recta final de marzo tivemos ocasión de coñecer detalles dun ambicioso proxecto tecnolóxico-marítimo galego chamado a ser, en palabras do seus creadores, “o Google Maps do mar”. Trátase do proxecto empresarial BIMA, actualmente en fase de aceleración a través do programa Sherpa Journeys (Sherpa do Mar). Consiste nunha tecnoloxía que por medio do cruzamento de diferentes bases de datos relacionadas co sector mariño e a súa conversión en información cartográfica (grazas aos Sistemas de Información Xeográfica, GIS polas súas siglas en inglés), ponnos ao alcance da man, literalmente, un catastro dixital do mar.
A través de diversos filtros, esta nova ferramenta permite debuxar un mapa mariño para un uso específico. “Somos recadadores de información, sobre todo pública, o Google Maps do mar”, resume Iván García (A Coruña, 1993), enxeñeiro náutico, responsábel deste proxecto xunto ao biólogo mariño Hugo Regalado (Badaxoz, 1995).
BIMA, explican, nace da “necesidade de dixitalizar e explotar” a información dunha forma efectiva axudando á sustentabilidade ambiental, social e económica.
A tecnoloxía resultante está enfocada á pesca, as operacións portuarias, o transporte marítimo ou a enerxía.
Segundo engaden, a xestión do patrimonio ou a cartografía de zonas militares son outros dos usos que arroxan datos novos. “Enganchamos un momento no que se empeza a expor unha mellor xestión do territorio mariño, e isto abrangue desde os residuos aos límites xeográficos”, sinalan, achegando unha perspectiva que lles proporcionou algunha que outra cousa coa que non contaban: “Hai cousas interesantes, como os residuos histórico-militares, figuran mesmo bombas da II Guerra Mundial; hai moito patrimonio descoñecido”, conclúen.
Big Data do mar
O programa en cuestión condensa unha inxente cantidade de datos nun só panel: “É un central data que permite desde atopar a mellor posición para situar un eólico ou unha batea a debuxar un patrón histórico de rutas de pesca (unha ferramenta para a optimización de capturas e o aforro de combustíbel).
Novos mercados grazas a Sherpa do Mar
BIMA forma parte do programa de acompañamento Sherpa Journeys, unha experiencia que “nos axuda a asentar os alicerces do proxecto” e “a abrir unha perspectiva de novos mercados nos que podemos entrar, como o norte de Portugal”, explican Iván e Hugo.
Sherpa do Mar é un proxecto integrado no Programa de Cooperación Transfronteiriza INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, co-financiado nun 75% por fondos FEDER, cuxa finalidade é pór en marcha unha rede transfronteiriza de emprendemento no ámbito mariño-marítimo e da economía azul, a través do programa Sherpa Journeys, que favoreza a xeración de emprego e o incremento de competitividade empresarial a través do impulso de compañías de base tecnolóxica.
O proxecto está liderado pola Universidade de Vigo, a través do grupo de investigación REDE, Campus do Mar e a Oficina de I+D, e nel participan o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e as universidades de Santiago e A Coruña. Por parte de Portugal, participan a Associacão de Transferência de Tegnologia de Asprela (UPTEC), a OPorto-Innovação da Universidade do Porto (UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e Fórum Oceano-Associação dá Economia do Mar.

PUBLICIDADE