Chegan ao Xapón as conexións domésticas á Rede a 1 Gbps

luns, 29 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O operador nipón KDDI mellorará o vindeiro 1 de outubro as súas conexións de fibra óptica que pasarán de 100 Mbps a 1 Gbps simétrico, converténdose nos mellores accesos á Rede dende o ámbito doméstico de todo o mundo, e a un prezo moi axustado, xa que a conexión de Internet (coñecida comercialmente coma Hikari One Home Gigabit) custará 5.460 iens ao mes (uns 32,76 euros) aínda que tamén se poderá contratar en combinación co servizo de teléfono e televisión por só 8.050 iens/mes (uns 51,03 euros).
A oferta da conexións simétrica a 1 Gbps se limitará nun primeiro momento a Tokío e á illa de Hokkaido en pisos que non superen as 3 alturas, no que parece que se fai para garantir a velocidade prometida.
Por desgraza, estas altas velocidades só se poden achegar aos ordenadores persoais a través de cable, posto que o router que subministra KDDI soporta como máximo conexións Wi-Fi a 54 Mbps, xa que se limita a conexións baixo o estándar IEEE 802.11b/g, mentres que se aceptasen o 802.11n podería permitir descargas a 248 Mbps (notándose a mellora de velocidade con respecto das conexións de fibra óptica a 100 Mbps actuais).
Unha das principais vantaxes de dar o salto a conexións de 1 Gbps sería o uso de vídeo xa non en alta definición, senón en ultra alta definición, chegando a unha resolución 16 veces superior á da alta definición, ou sexa, que os 1.920 x 1.080 píxeles da HD quedaría en nada se os comparamos cos 7.680 x 4.320 píxeles da UHDV, aínda que quedan moitos anos para que unhas resolucións semellantes se poidan normalizar (pois a alta definición aínda está emerxendo).

PUBLICIDADE