Chegan esta semana á Coruña as novas Xornadas Libres do GPUL

martes, 23 de abril do 2013 Redacción

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) organiza na Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña unha nova edición das súas Xornadas Libres, que se celebrarán os días 24 e 25 de abril e consistirán nunha serie de conferencias, obradoiros e concursos arredor do eido da cultura e o coñecemento sen atrancos, fluíndo libremente: software libre, hardware libre, estándares abertos, licencias ou propiedade intelectual. Os relatorios serán impartidos por expertos en informática e membros do GPUL.
As xornadas desenvolveranse na aula 3.3 da citada facultade e comezarán o mércores 24 ás 16:00 horas cunha conferencia de José Millán Soto titulada Como colaborar cun proxecto de software libre. A continuación, Chema Casanova falará sobre o tema Pon unha licencia ao teu software… Sobre todo se é libre. A xornada do mércores finalizará coa charla informativa sobre Summer of Code de Google (GSoC), a cargo de Santiago Munín. Na xornada do xoves celebraranse catro conferencias que comezarán ás 16:00 horas cunha charla demostrativa sobre a linguaxe de programación Python, a cargo de Marcos Chavarría e Santiago Saavedra, estudantes da Facultade de Informática. A continuación intervirán Emilio Padrón, Jacobo Aragunde e Mauro Silvosa-Rivera, que falarán sobre control de versións con git, deseño de hardware libre con KiCad e primeiros pasos con Arduino, respectivamente.

PUBLICIDADE