Chegan máis estudos preocupantes sobre as consecuencias da adicción ás novas tecnoloxías

luns, 23 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Pode que non tarde o día en que unha boa parte dos esmoleiros deste mundo tamén pidan unha axudiña para conectarse á Rede, ou polo menos así nos pintan o futuro dous estudos internacionais sobre os perigos da tecnoloxía e sobre o seu poder aditivo. En realidade, o tema non é nada novo, e en Código xa se ten falado algo sobre a cuestión, pero se cadra é certo que a medida que vai pasando o tempo as investigacións tenden a ser un punto máis apocalípticas e preocupantes, case como se viñeran dadas polos mesmos tertulianos que informan da dramática ruptura de España como unidade.
Será que non andaban desencamiñadas películas como por exemplo Días Estraños, onde as drogas máis potentes eran uns aparellos tecnolóxicos que lles permitían ós portadores vivir as vidas de outras persoas? (Todo se reducirá a iso, a poder experimentar as sensacións e os pensamentos de outros?) Sexa como sexa, e segundo un destes estudos, o da Universidade de Stanford, Internet pode chegar a ser tan daniña e perigosa como calquera outra droga. Igual de potente, igual de aditiva e con consecuencias semellantes: deixadez de responsabilidades, efectos negativos na saúde (deixamos de comer e de durmir) e, de xeito paradoxal, caídas de rendemento no traballo e na comunicación. E dicimos de xeito paradoxal porque se supón que Internet é para comunicarse, mais segundo o estudo, un uso excesivo da Rede fai que se lle deixe de emprestar atención ás persoas que nos rodean, coma se estivésemos a agardar de xeito permanente que todo o que nos viñese pola Rede, por ser medio imaxinado, fose mellor.
A Universidade de Standford, que estudou os comportamentos de 2.500 adultos, manifesta que entre o 6 e o 14% destas persoas recoñecen que descoidaron o seu traballo, as súas familias e até a súa alimentación polo feito de poder navegar máis por Internet. O xermolo deste estudo está no incremento de persoas que visitaron a clínica de desordes de control de impulsos da dita universidade por problemas derivados do emprego da Rede. Estes individuos, ó describiren os motivos que os levaran até alí, coincidían en moitos puntos (sinais, síntomas) cos individuos que antes describiran no mesmo lugar trastornos derivados do consumo de drogas.
A segunda investigación que está estes días neste gran taboleiro de anuncios que é Internet vén da man dun sociobioloxista chamado Oliver Curry, que se cadra métese máis có equipo da Universidade de Standford en temas de prognósticos tecnolóxicos para o futuro. Curry, que semella confirmarse no seu estudo como un capacitado escritor de novelas de ciencia ficción (as súas previsións levan á mente argumentos de H. G. Wells ou Phillip K. Dick), afirma que a dependencia actual ás novas tecnoloxías da información vainos levar dereitiños a converternos en algo así como animais de compaña. Curry toma como exemplo para o seu traballo o modelo humano de adicto actual a Internet: non come, nin durme, nin fai exercicio, nin se comunica, e ten graves ataques de carraxe e preocupación cando se queda sen Rede e sen o que esta lle ofrece: chats, mensaxeiría instantánea, porno, etc.
Desta maneira e tendo en conta estas e outras características de comportamento do ser humano actual (como a de ser cada vez máis sedentarios e comer cada vez peor), Curry ofrece un paquete de consecuencias cando menos interesantes, pero preocupantes: o futuro é unha estancia desordenada e miúda, rebordante de caixas de pizzas e comida rápida e habitadas por persoas solitarias, obesas, febles e con poucas defensas cara ás doenzas e, sobre todo, incapaces de relacionarse coas persoas que accedan a eles a través das canles que consideramos habituais (as que non están vencelladas á Rede) ou de levar a cabo algún tipo de traballo.
Se cadra é hora de limitármonos o tempo de acceso á Rede!

PUBLICIDADE