Chrome integra a tecnoloxía Google Cast de xeito nativo

luns, 29 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Tras varias probas con esta tecnoloxía no navegador web, para o que inicialmente empregábase un engadido, finalmente Google Chrome integra a Google Cast, ou sexa, a posibilidade de que o contido dunha fiestra do navegador ou de servizos de vídeo compatibles (YouTube, NetFlix...) poidan reproducirse a través doutros dispositivos como televisores compatibles ou simplemente cun Chromecast conectado, facilitando así ver en pantalla grande contidos da Internet, galerías fotográficos ou moito contido audiovisual, evitando ter que conectar mediante cable o ordenador co televisor, conseguindo unha facilidade de uso e unha axilidade que até o momento non son quen de conseguir as distintas tecnoloxías de Smart TV.
A integración de Google Cast en Chrome supón unha grande vantaxe para o usuario medio, que non precisa de instalar nada adicional no seu navegador para poder gozar desta funcionalidade, e cando estea a ver unha páxina web chegará con ir á opción de “Enviar...” no menú da propia aplicación para conectar con dispositivos compatibles con Google Cast e así proxectar a fiestra activa. No caso dos vídeos en reprodución, o botón de Google Cast tamén aparecerá automaticamente para facilitar a súa utilización.
Dende Google tamén lembran que Google Cast está cada vez máis dispoñible en máis servizos, contando as videochamadas a través de Google Hangouts, de xeito que cada vez tamén é maior o número de dispositivos que integran esta tecnoloxía para facilitar o seu uso sen ter que empregar un Chromecast.

PUBLICIDADE