Cierco dá conta dos resultados do Plan Avanza acadados no período 2006-2008

xoves, 6 de novembro do 2008 Raquel Noya

O director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información, David Cierco, aproveitou a presentación do proxecto Prointur (Profesionalización do Turismo de Interior), unha iniciativa creada para impulsar o emprego das TIC nos aloxamentos rurais, para dar conta dos resultados acadados polo Plan Avanza durante o período 2006-2008.
No marco do programa Avanza Pyme, o Plan Avanza mobilizou, nos últimos dous anos, ata 1.800 millóns de euros, que serviron para conceder empréstamos ao cero por cento de interese para a compra de material informático, para a creación de páxinas web e para contratar conexións a Internet de banda larga, entre outras cousas.
Ata a data, Cierco indicou que “se concederon preto de 90.000 préstamos a pequenas e medianas empresas por un importe próximo aos 1.000 millóns de euros”.
As actuacións de Avanza Pyme tamén se dirixiron, indicou, “a incrementar o grao de adopción das novas tecnoloxías por parte das pequenas e medianas empresas, así como para a implantación de solucións sectoriais e de e-negocio, incluíndo a implantación da e-factura”.
A execución destas medidas realizouse a través de convocatorias de axudas, de convenios con Comunidades Autónomas e de Préstamos TIC.
Avanza Pyme conta con varias liñas de actuación: programas de difusión para estender o uso de Internet e das novas tecnoloxías, actuacións de asesoramento tecnolóxico, formación e sensibilización sobre o uso eficiente das TIC, realización de proxectos e actuacións de desenvolvemento e incorporación de solucións de negocio, elaboración de estudos e análises, programas orientados á creación de contidos e dotación de equipamento informático.
Cierco, asemade, lembroulle aos asistentes que o novo Plan Avanza2, “a evolución lóxica do Plan Avanza”, persegue “obxectivos cualitativos e de carácter específico”, a través de cinco liñas de actuación: infraestruturas, seguridade e confianza, capacitación tecnolóxica, contidos e servizos dixitais e desenvolvemento industrial.

PUBLICIDADE