Cinco empresas dos novos contidos compartiron os seus achados nunha nova xeira de Galicia Profilme

luns, 2 de maio do 2022 S. P.

O programa autonómico Galicia ProFilme, destinado a achegar formación e intercambios profesionais no eido audiovisual, reuniu esta fin de semana na Cidade da Cultura a representantes de cinco firmas galegas do ámbito dos contidos dixitais e os novos formatos: Antaruxa, UrbanSimulations, Avestudio, Manu Viqueira e Sygnatia. Xuntáronse para expoñer “as diferentes facetas da creación dixital na nosa terra” e “contribuír á visibilidade do colectivo como sector en alza”. A sesión, aberta ao público en xeral, contou coa presenza de Jacobo Sutil, director de Industrias Culturais da Xunta, e de Manuel Meijide, director de Mundos Digitales, referencial evento coruñés en torno á animación, os efectos visuais e os novos medios.
Os relatores debullaron as súas experiencias propias e compartiron a visualización de vídeos ilustrativos sobre os seus proxectos más recoñecidos (que abrangue cuestións como o modelado en 3D, a infografía, a animación fotográfica, os motion graphics, o desenvolvemento de aplicacións móbiles), as accións de comercio electrónico, a innovación web ou a especialización en aplicacións arquitectónicas dixitais, clips musicais ou efectos visuais deseñados por computador).
Sutil destacou a celebración da xuntanza “nun contexto no que a Xunta de Galicia, a través do seu Hub Audiovisual, está a apostar polo dixital como elemento indisociábel das industrias culturais e a vertebrar subsectores como os videoxogos, cunha liña de subvencións específica e a posta en marcha dun polo de aceleración de proxectos”.
Esta é a terceira convocatoria de 2022 no marco de Galicia ProFilme, despois de que nas pasadas semanas este programa ofrecera xa dúas citas centradas na estratexia audiovisual con proxección europea, a cargo do produtor dinamarqués Thomas Gammeltoft, e na realización de produtos infantís para televisión, a cargo de Yago Fandiño, director de contidos infantís de Clan e de TVE.

PUBLICIDADE