Co gallo do Black Friday ofertaranse numerosos produtos de electrónica de consumo

luns, 24 de novembro do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 28 de novembro, día despois de Acción de Grazas, celébrase nos EE.UU. o inicio da campaña de Nadal con grandes ofertas nunha data alcumada dende hai anos como Black Friday ou venres negro, que dende a desregulación dos períodos de rebaixas en España tamén se celebra no noso país, especialmente en establecementos de electrónica de consumo, converténdose nun día moi atinado para adiantar as compras de Nadal, e que algunhas tendas como Amazon.es aproveitan para lanzar incluso ofertas toda a semana e, de feito, a mesma compañía tamén anticipa que celebrará ofertas especiais tamén o luns 1 de decembro (Cyber Monday) que é a data na que habitualmente se celebra un saldo na Rede con prezos que poden chegar a ser máis agresivos que no Black Friday.
É de agardar que as ofertas que teñamos en España estean relativamente moderadas, moi na liña doutras promocións que podemos ver ao longo do ano, pero incluíndo a produtos que teñen prezos fixos coñecidos, polo que pode ser unha boa oportunidade para mercar con algún desconto dispositivos aos que teñamos o ollo botado ou incluso para facerse con modelos anteriores, estes si, a prezos bastante atraentes.
Nos EE.UU. as promocións son realmente fortes, con compañías como Best Buy ofrecendo nas tendas físicas televisores LED Panasonic Full HD a só 199,99 dólares e televisores Samsung de ultra alta definición por só 899,99 dólares (prezos que claramente buscan achegar aos consumidores ás tendas para realizar moitas outras compras); a consola Xbox One parece querer pórlle as cousas moi complicadas á PlayStation 4 de Sony, e en vez de venderse a 399,99 dólares con algún xogo, chega a reducir o seu prezo con Assassin’s Creed Unity e Assassin’s Creed Black Flag a só 329,99 dólares GameStop, mentres que en Walmart por 329 euros a Xbox One inclúe o lote Halo: The Master Chief Collection, o que podería contribuír seriamente a que a consola de Microsoft recuperase posicións no mercado estadounidense. Na propia Walmart tamén oferta televisores LED de 50 polgadas por 518 dólares, televisores LED Vizio de 65 polgadas por 648 polgadas, o iPad mini de 16 Gb por 199 dólares, ordenadores portátiles de HP con pantalla táctil de 15,6 polgadas por 249 dólares e moitos outros prezos moi rechamantes cun detalle moi significativo: a garantía de que durante a primeira hora das rebaixas será posible mercar unha unidade de cada produto ofertado (ou sexa, que de non quedar existencias poderá realizarse a reserva polo prezo anunciado, asegurando a compañía que se recibirán os produtos antes do Nadal). Para garantir a afluencia constante de consumidores en Walmart teñen varias ofertas programadas a horas distintas, estratexia que tamén seguirán moitas tendas en liña.

PUBLICIDADE