Colle corpo a nova edición das Xornadas de Automatización Industrial, JAI, en novembro en Vigo

martes, 4 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O profesor Ignacio Armesto, impulsor das JAI, nunha imaxe de Vigo al minuto

Xa están a coller corpo en Vigo uns encontros de alcance internacional que veñen poñendo á nosa terra, a longo das súas catro edicións previas (imos xa pola quinta), na vangarda da reflexión, a colaboración e a investigación en materia de tecnoloxías avanzadas para favorecer os procesos de produción. Ou sexa, todos aqueles recursos de vangarda que fan doado e simple, na empresa, o que até hai pouco era complexo. As Xornadas de Automatización Industrial (JAI) xa ten en marcha a páxina web de seu, e abriu, a maiores, o proceso para irmos formalizando a inscrición nas mesmas.
Segundo avanza o profesor Nacho Armesto, principal impulsor destes encontros dende os seus comezos, un dos principais puntos fortes das JAI é a súa capacidade para reunir, baixo un mesmo teito, ás pequenas e medianas empresas galegas coas grandes firmas internacionais do sector da automatización industrial e das tecnoloxías, a investigadores, administracións e estudantes. A nova edición da xuntanza, que vén da man da Universidade de Vigo, celebrarase entre o 12 e o 16 de novembro na cidade galega.
Unha vez máis, cóntanse cos mellores precedentes. Así, máis de 620 persoas déronse cita na cuarta edición das JAI, onde institucións públicas, empresas e universidades, da nosa terra e da contorna internacional, uniron esforzos para espremer ao máximo a fórmula actual por excelencia do pulo tecnolóxico: a colaboración e o intercambio de experiencias.
Polo de agora, cóntase, non hai emprazamento definitivo para as xornadas, pero estímase que se van desenvolver no auditorio municipal de Vigo. Alí, informa Nacho Armesto, reuniranse as principais marcas internacionais que veñen amosando o apoio aos encontros dende o comezo con investigadores, empresas galegas e colaboradores de outras universidades que nos van “falar das tendencias en automatización, o futuro tecnolóxico e o emprego, novas aplicacións tecnolóxicas e a automatización en situacións extremas, entre outros interesantes temas”.
Lembrar que as JAI naceron no seo da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial (hoxe reconvertida, tras a súa fusión coa Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial, na Escola de Enxeñaría Industrial) da Universidade de Vigo. O seu propósito, dende as orixes, foi o de achegar o eido docente e estudantil á empresa, favorecendo ao máximo a inserción laboral dos alumnos da especialidade e servindo para a posta ao día das novidades no sector fornecendo unha visión global do mercado internacional e internacional.

PUBLICIDADE