Colle impulso o polo de innovación da USC e Gradiant a prol do noso tecido agroalimentario

venres, 16 de decembro do 2016 Redacción

Este xoves recibiu un novo e importante pulo a alianza innovadora do Centro Tecnolóxico Gradiant e a Universidade de Santiago (Campus Terra, USC) a prol da economía do noso rural, máis polo miúdo a prol da industria agroliamentaria. Concretamente, o Polo de Innovación Dixital impulsado polas dúas ditas entidades aprobou a súa estrutura de goberno, así como a creación de seis grupos de traballo que respondan ás diferentes demandas do sector. Esta media ducia de grupos son os seguintes: Prospectiva e Intelixencia, Oferta e Demanda, Proxectos I+D+i, Produción Agraria, Produción Gandeira, e Industria Agroalimentaria. Segundo fixeron saber Gradiant e o Campus Terra, estes seis eidos de traballo serán “estruturas dinámicas” con capacidade de evolucionar a medida que avance o proxecto e xurdan novas necesidades. Como lembraremos, o Digital Innovation Hub foi dado a coñecer en outubro, salientándose daquela o seu obxectivo firme de achegar recursos e solucións que favorezan a futura sustentabilidade e rendibilidade do agro galego.
Segundo engadiron este xoves a USC e Gradiant, a creación dos devanditos grupos partiu dunha enquisa previa á que foron sometidos os diversos axentes do sector (empresas, asociacións profesionais, cooperativas, produtores, clusters, universidades e centros tecnolóxicos). Na xuntanza de onte aprobouse tamén a estrutura de goberno do polo, encabezada pola secretaría técnica que conforman Campus Terra e Gradiant.
O encontro, celebrado no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) de Santiago de Compostela, estivo presidido polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e polo director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire. Enrique Rohrer acudiu en representación da Axencia Galega de Innovación a esta xuntanza de traballo, que foi clausurada polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
Segundo explicou a USC, neste Digital Innovation Hub conflúen pola banda da demanda un sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade produtiva; e pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos así coma dos centros de coñecemento e innovación xeradores desas solucións e melloras que demanda o sector. A USC e Gradiant tamén lembraron que “a iniciativa establece unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil, da que cada parte interesada pode tirar beneficios específicos”. Estas vantaxes son: maior competitividade para o sector agroalimentario, oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos ou oportunidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos.

PUBLICIDADE