Comcast quere converter o iPad nun mando a distancia social

xoves, 13 de maio do 2010 Marcus Fernández

A compañía de televisión por cable estadounidense Comcast desenvolveu un prototipo de mando a distancia baseado na web que permite levar a súa guía de programación electrónica a distintos dispositivos IP e para probar este Xfinity Remote decidiron utilizar o iPad de Apple, cun resultado máis que satisfactorio, pois permite consultar a grella da programación das distintas canles que ofrece a compañía, amosando os detalles de cada espazo e permitindo tanto a súa sintonización instantánea (coma se fose un mando a distancia) ata programar a súa gravación.
Este sistema tamén permite o acceso a contidos á carta no televisor no que teñamos conectado o receptor de Comcast, pero podendo manexalo de o iPad (xa existía unha aplicación semellante para o iPhone).
A aplicación é simple e doada de manexar, facilitando tanto descubrir contidos coma chatear cos amigos e compartir recomendacións, de xeito que teriamos un auténtico mando a distancia social, pois permite invitar a un amigo a ver o mesmo programa que nós. Unha interesante achega á experiencia de consumo de contidos audiovisuais que podería marcar o camiño a seguir por parte de plataformas de televisión de pagamento que queiran engadir valor ao seu servizo aproveitando tecnoloxías coma os tablets ou os smartphones dos seus clientes.


Brian Roberts (Comcast) amosando o prototipo de Xfinity Remote xunto a Kevin Pereira (G4) no Cable Show 2010

PUBLICIDADE