Comercio Galicia dálle unha viraxe á súa web

luns, 10 de marzo do 2014 Redacción

Renovarse ou morrer, e máis nestes tempos de crise... iso deberon pensar dende a plataforma tecnolóxica -Comercio Galicia- promovida pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, que vén de renovar a imaxe da súa tenda en liña Comerciogalicia.es. Cunha feitura máis atractiva, máis visual e accesíbel, a nova páxina vai á procura do sinxelo para os usuarios. A nova imaxe, que agardamos se complemente de contado dunha versión en galego (do contrario, non tería capacidade de identificar de verdade as características do noso comercio), aposta por iniciativas que amplían o seu mercado natural e melloran o servizo e a atención ao cliente, ao mesmo tempo que reforzan a sustentabilidade e competitividade do sector fronte ás grandes cadeas.
Con máis de 10.000 artigos á venda, o novo portal de e-commerce do comercio tradicional consta dun gran escaparate desde onde se pode coñecer dunha primeira ollada os produtos que están en oferta, cales son os máis vendidos, estar ao tanto das últimas novidades que chegaron á tenda ou visitar a zona outlet, amais de consultar información sobre os gastos de envío e prazos de entrega, entre outros servizos. Para facer todo máis doado, os artigos están clasificados por familias: alimentación, moda, fogar, informática... nun sinxelo menú lateral, o que reduce o tempo de procura. Neste senso, os usuarios dispoñen tamén dun buscador rápido que lles permite atopar calquera artigo dispoñíbel cun só click e en escasos segundos. Outra das vantaxes da nova tenda en liña é que é multidispositivo, o que posibilita que se poidan realizar compras desde o móbil, a tablet ou o computador 24 horas ao día, os 365 días ao ano.
Asemade, dispón de puntos de acceso directos a todos os servizos que abrangue Comercio Galicia como redes sociais, blog, Portal do Comerciante (desde onde cada establecemento pode xestionar a venda online dos seus produtos ou organizar as súas propias campañas de promoción) ou Club Comercio Galicia (que permite aos socios beneficiarse de descontos, promocións e ofertas exclusivas, a través do seu cartón gratuíto).
Comerciogalicia.es tivo unha boa acollida desde o seu nacemento hai catro meses. O portal escalou 2 millóns de posicións no recoñecido ranking mundial de webs Alexa, que mide e clasifica o número de visitas que recibe un sitio web, en só tres meses a nivel nacional experimentou unha subida de 40.000 posicións.
Engadir, por último, que conta xa con máis de 200 comercios adheridos e 3.000 socios no seu club de fidelización.

PUBLICIDADE