Comeza a coller corpo un festival de curtas para converter Vigo no meirande plató do mundo

xoves, 24 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Ante a crise, creatividade. Este parece ser o lema de toda a longa listaxe de iniciativas individuais e colectivas que se fortalecen ou xorden estes días na nosa terra arredor dunha cousa concreta: o audiovisual. Neste senso, temos que falar dunha nova iniciativa á vista: Vigo Límite 36 horas. Co apoio de institucións e empresas como o Concello de Vigo e Blusens (patrocinando), ás que de seguro se irán unindo outras máis, a proposta parte da Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia e consiste, en liñas xerais, en converter a devandita cidade nun inmenso plató de cine. A poder ser, informa Jesús Ari (un dos principais responsábeis do evento), o meirande do mundo.
Trátase, máis polo miúdo, dun festival-obradoiro-punto de encontro para o intercambio de experiencias. A idea é desenvolvelo ao longo do verán, a finais de xuño. As persoas que participen no seu seo, terán que rodar, editar e entregar unha curta para proxectala na gala-entrega de premios. O certame componse de dúas fases a desenvolver en 16 xornadas. Na primeira quenda, “atoparase o motor”, sinalan os organizadores. Será a etapa dedicada á creación propiamente dita arredor dun tema central que se porá a disposición dos concursantes con tempo de abondo para que poidan escribir os libretos. Haberá actividades complementarias (obradoiros cinematográfico-tecnolóxicos) e unha gala final na que se proxectarán as distintas obras presentadas e procederase a elixir aos gañadores.
A segunda fase son os cursos que veñen logo do concurso, actividades de tipo formativo que “incrementarán a experiencia cinematográfica da cidade”. Para abrir boca, celebrarase o 27 de xuño o Verbum, na praia de Samil, un obradoiro de balde no que se poderán coñecer as funcións dos principais grupos de traballo na rodaxe.

PUBLICIDADE