Comeza a entrega de ordenadores Magalhães aos estudantes portugueses

xoves, 25 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Os ordenadores Magalhães están pensados para o seu uso por cativos

A finais de xullo o primeiro ministro luso, José Sócrates, anunciou que a través do programa e.escolinha se dotaría aos cativos do seu país con 500.000 ultraportátiles de baixo custo baseados no Classmate PC de Intel e que responden ao nome de Magalhães, e que se venderían aos nenos por 0, 20 ou 50 euros segundo os seus recursos económicos.
E esta semana, cumprindo coa súa palabra, na Escola Padre Manuel de Castro en Matosinhos se entregaron os primeiros ordenadores Magalhães aos alumnos de 1º ciclo de Ensino Básico, co que pretenden mellorar a educación dos rapaces xa que en palabras do mesmo Sócrates «está probado que o uso de ferramentas informáticas proporciona mellores índices de aprendizaxe e mellora os resultados».
O primeiro ministro asegura que «estamos hoxe a formar unha nova xeración de portugueses que domina o inglés e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Será unha xeración mellor preparada e en mellores condicións para servir ao obxectivo do desenvolvemento do noso país» destacando tamén que o programa e.escolinha crea «unha oportunidade de info-inclusión» ao achegar ordenadores a fogares nos que sería imposible contar cun equipo informático.

José Sócrates anunciando os obxectivos da súa iniciativa para dotar de portátiles aos cativos portugueses

PUBLICIDADE