Comeza a oitava edición de Yuzz Santander con tres centros de seu na nosa terra

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Redacción

A edición 2017 de Yuzz Santander xa está en marcha, con centros de seu na Universidade da Coruña, na Universidade de Santiago e máis en Lugo. A iniciativa, que ten medio cento de academias de emprendemento en todo o territorio estatal, adícase a fornecer formación, apoio e asesoramento de balde a arredor de 1.300 mozas e mozos para contribuír a impulsar os seus proxectos innovadores de alicerce tecnolóxico. Como lembraremos, Santander Yuzz Mozos con Ideas é un programa promovido por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinado por CISE. No caso galego, ten o apoio da USC (Santiago e Lugo), da UDC e máis da Secretaría Xeral de Emprego. A día de hoxe, o programa recentemente reactivado vai pola súa oitava edición. Por certo que a Universidade da Coruña oficiou este 24 de xaneiro a “botadura” do seu centro Yuzz. Dará apoio a 26 mozas e mozos da nosa terra.
A academia coruñesa está emprazada nos espazos de co-working da Facultade de Informática. Segundo informaron os seus responsábeis, ao longo dos vindeiros cinco meses as/os emprendedoras /es reunidos nesta palestra formativa desenvolverán ideas de forma colaborativa recibindo asesoramento personalizado e formándose da man de expertos en innovación e modelos de negocio.
Nesta VIII edición, o programa do Banco Santander premiará ao mellor emprendedor dos seus centros estatais cunha viaxe a Silicon Valley (onde accederá a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con investidores) e permitiralle optar a 60.000 euros en financiamento.
Entre as ideas máis innovadoras que irán collendo corpo ao longo deste tempo no centro Yuzz da Universidade da Coruña, seleccionadas entre máis de 40 candidaturas, atópanse un probador de roupa virtual, unha aplicación de axuda ao diagnóstico médico, un sistema de ascensor intelixente, unha rede social baseada en preguntas e respostas ou un sistema informático para a xestión de viñedos.
Un pouco de historia
O proxecto Santander Yuzz arrincou en 2009 con dous centros, un en Barcelona e outro en Madrid, a xeito de viveiro tecnolóxico de grandes ideas. Desde entón medrou de forma exponencial e co impulso de Banco Santander a través de Santander Universidades e baixo a dirección do CISE alcanzou os 52 centros repartidos por toda España con máis de 1.000 participantes por edición.

PUBLICIDADE