Comeza a súa andaina Turespazo, canle dixital ao servizo do sector turístico galego

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Redacción

Hoxe tiña lugar en Compostela a reunión da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro coa xunta directiva do Clúster de Turismo de Galicia. A xuntanza tiña como obxectivo presentarlles Turespazo, a extranet que achega aos profesionais e empresarios do sector un único punto de acceso para a autoxestión en liña da súa información administrativa e de mercadotecnia. O encontro serviu como “eixo identificativo” dos establecementos piloto nos que se probará Turespazo. Logo do período de pilotaxe, levarase a cabo un plan conxunto co sector para o seu despregamento así como un plan de formación e soporte aos profesionais.
Turespazo forma parte do Plan Smart Turismo que a Xunta puxo en marcha o pasado ano co gallo de promover a modernización tecnolóxica dun sector estratéxico da economía galega. A entrada en funcionamento desta canle dixital aforrará tempo e recursos aos profesionais do sector, amais de optimizar a súa relación coa Administración e mellorar a oferta turística a través da Rede.
Turespazo estará dispoñible a través do portal de Turismo e o profesional ou empresario, previa identificación, accederá aos datos oficiais e promocionais que a Administración ten sobre o seu negocio e poderá modificalos. Turespazo está integrado coa sede electrónica da Xunta para facilitar cambios na información de índole administrativa así como a realización dalgún dos preto de 30 trámites que a Xunta ten dispoñibles para o sector.
A dita canle dixital servirá aos profesionais e empresarios para modificar datos de promocións relativos aos seus establecementos e negocios, que se actualizarán de xeito automático na rede de portais, aplicacións e soportes de Turismo, garantindo ao usuario final unha información de calidade en tempo real.
Por último, engadir que Turespazo nace como un espazo de contribución e participación entre o sector e a Administración, que irá achegando novas funcionalidades: publicación de ofertas e promocións individualizadas de cada establecemento; ou mesmo a posibilidade de coñecer os movementos e fluxos dos turistas para que os establecementos poidan adaptar e xerar ofertas personalizadas.

PUBLICIDADE