Comeza a votación para os Premios BOB

luns, 27 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Os Premios BOB que pretenden galardoar ao mellor da blogosfera mundial veñen de abrir hoxe mesmo as súas votacións, de xeito que xa se pode elixir entre os 176 nomeados en 16 categorías (elixidos de entre preto de 8.000 propostas de todo o mundo). Hai que lembrar que cada categoría terá un gañador por votación popular e outro polo xurado.
Na categoría de mellor blog en español (que gañara o coruñés Nacho de la Fuente hai 2 anos) continúa a ter moita presenza española con 4 candidaturas (233grados.com, El Caparazón, JGGWeb e Un Español en Japón), mentres que o país predominante é Arxentina con 5 blogs (Bestiaria, Denken Über, El Bobero, Palabras textuales e Peinate, que viene gente) e Chile e Cuba quedan cunha presenza simbólica (con Fayerwayer e Generación Y respectivamente).
A presenza española tamén se fai notar na categoría de mellor videoblog, con Armadillo TV e Ginatonic.tv.
Polo que parece, este ano ningún galego se puido colar nos considerados Oscars dos blogs, pese a que xa houbo dous gañadores galegos nas edicións de 2004 e 2006.

PUBLICIDADE