Comeza en Melide unha campaña informativa sobre o apagamento analóxico

luns, 24 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O director xeral de Comunicación Audiovisual e a alcaldesa de Melide durante a inauguración do Telecentro de Comunicación melidense

Este martes ás 20:00 horas o Edificio Multiusos de Melide acollerá unha campaña sobre a incidencia da Televisión Dixital Terrestre e o apagamento analóxico que contará coa intervención de Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual e conselleiro delegado de Retegal, xunto coa alcaldesa de Melide, Socorro Cea. O acto estará aberto a toda a cidadanía e contará co xornalista melidense Manuel Pampín coma moderador da charla-coloquio que servirá para ilustrar aos asistentes sobre as consecuencias do acendido dixital e as previsións sobre o apagamento analóxico, previsto para a zona para xullo de 2009.
Despois de Melide, as xornadas informativas trasladaranse a Noia, Muxía, Verín, Silleda e Vedra no que queda de ano, e buscan que nas mesmas participen os axentes do sector, as administracións locais, os radiodifusores, os instaladores, as comunidades de veciños e a cidadanía en xeral.
Imos por diante é o lema desta campaña, que reflicte o feito de que Ourense Este e Santiago de Compostela se adianten ao apagamento analóxico previsto no resto de España para 2010, como tamén aconteceu con A Fonsagrada. Se ben hai que entender que a grande vantaxe non é o cese das emisións televisivas con tecnoloxía analóxica, senón a chegada do dixital, que na zona de Compostela xa parece estar moi avanzada, pois ata están a operar dúas canles de TDT de ámbito local, deixando claro que se trata da televisión do futuro, polo que cómpre adaptarse á mesma o antes posible, tanto para gozar da mesma como para evitar os problemas de última hora cando falte menos para o apagamento analóxico.
Hai que lembrar que a dixitalización da televisión en Compostela non afecta só á capital de Galicia, senón que hai moitas outras vilas repartidas nas provincias de A Coruña e Pontevedra beneficiadas, como so Agolada, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Frades, Lalín, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Padrón, Pontevedra, O Pino, Porto do Son, Rodeiro, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Silleda, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vila de Cruces e Vilasantar.

PUBLICIDADE