Comeza en Vigo unha xuntanza sobre novas tecnoloxías e colaboración internacional das universidades

luns, 5 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Este luns día 5 comeza en Vigo, no Edificio Miralles do Campus até o día 9 de marzo, un encontro sobre internacionalización que terá no estudo das redes sociais e das súas vantaxes para abrir mundos e mercado un dos seus piares temáticos principais. O encontro, que foi inaugurado ás 10.30 horas polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, vén da man da Oficina de Relacións Internacionais no marco do Centro de Excelencia Europeo Jean Monnet.
A xuntanza Staff Training Week, así se chama, reúne a arredor de 50 especialistas en relacións internacionais co fin de abordar a relevancia das novas tecnoloxías nos procesos de colaboración das universidades alén dos seus contornos físicos e fronteiras naturais.
Acudirán profesionais dunha ducia de países: Polonia, Francia, Italia, Eslovenia, Finlandia, Portugal, Romanía, Austria, Alemaña, Noruega, Países Baixos, Turquía e Hungría. Cun programa organizado en catro bloques fundamentais, a xornada primeira servirá entre outras cousas como toma de contacto, incluíndo unha benvida do reitor, a intervención do vicerreitor de Relacións Internacionais (Manuel Fernández Iglesias) e unha presentación da Universidade, que se complementará cunha visita as instalacións do campus.
O resto da semana dividirase xa por paneis temáticos. O martes o tema central serán as redes sociais; o mércores, a televisión e os medios audiovisuais no ámbito da educación e da promoción das universidades; o xoves, as estratexias de comunicación nun mundo conectado e, xa o venres, as dobres titulacións.

PUBLICIDADE