Comeza esta esta semana na Coruña a edición 2015 do encontro internacional Akademy

luns, 20 de xullo do 2015 Redacción

A Akademy 2015, a nova edición da xuntanza anual da comunidade internacional de desenvolvedores e usuarios da contorna de escritorio KDE, comeza este 25 de xullo na cidade da Coruña. O encontro, que se desenvolve até o 31 do mesmo mes na Facultade de Informática da Coruña, vén da man da Asociación GPUL e da contorna de escritorio KDE. Segundo apunta a organización, estímase que participarán no evento centos de persoas co obxectivo de debater e planear o futuro do proxecto KDE.
Espérase tamén a asistencia de participantes procedentes doutros proxectos libres (contornas gráficas, distribucións...) así coma de empresas de relevancia no sector e xente interesada no software libre en xeral. Por certo que os días previos (23 e 24 de xullo) celebrarase a Akademy-es, que é a reunión anual da comunidade de KDE en España. Durante estes dous días realizaranse charlas, obradoiros e outras actividades de carácter máis social coas que se pretende (entre outras cousas) dar a coñecer o proxecto a persoas sen perfil técnico, poñer en contacto a desenvolvedores do escritorio libre de toda España e divulgar as tecnoloxías de KDE para atraer novos desenvolvedores.
Volvendo á Akademy, sinalar que abranguerá unha semana completa de actividades: 2 días de conferencias cun cumprido programa de presentacións sobre os últimos desenvolvementos de KDE, seguidos de 5 días de obradoiros, sesións de programación e Birds of a Feather (BoF, reunións informais de persoas cun interese común sen folla de ruta establecida).
Respecto da entidade organizadora, o colectivo GPUL, cómpre lembrar que mantén fortes ligazóns coa comunidade KDE sendo varios dos socios de GPUL integrantes tamén de KDE-España. GPUL mantén unha constante presenza nas actividades de KDE, ten organizado numerosas actividades relacionadas coas tecnoloxías KDE, como a Akademy-es 2008, en colaboración coa acabada de nacer asociación de KDE-España, a celebración do XV Aniversario de KDE cunha xornada especial, ou o sprint 2013 de KDE-Edu, entre outras moitas.

PUBLICIDADE