Comeza na FIC e na ESEI o campamento tecnolóxico Aldaba-TIC Camp

luns, 26 de xuño do 2023 S. P.

Este luns 26 de xuño arrancou (de xeito simultáneo) na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense (ESEI) e na Facultade de Informática do Campus da Coruña (FIC) o campamento de verán Aldaba-TIC Camp, destinado a fomentar as vocacións STEM e contribuír á igualdade de xénero neste eido. En cada una das cidades participa nesta iniciativa 36 nenas e nenos de 6 a 12 anos, o 80% mulleres.
A actividade, financiada para os dous campus polo Consello Social da Universidade da Coruña, forma parte da programación da Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, posta en macha en 2019 polas universidades de Vigo e A Coruña e a empresa Aldaba co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento e establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a academia e a empresa.
“O campamento Aldaba-TIC Camp responde a un dos obxectivos principais da Cátedra Aldaba que é lograr unha maior integración das mulleres na informática, un rifo moi deficitario neste senso, por iso nel teñen preferencia as nenas, que ocupan un 80% das prazas. Non queriamos facer un campamento só de rapazas pero si que queriamos contribuír a que as nenas, que a medida que teñen máis idade se afastan da tecnoloxía, a vexan como algo positivo, que a coñezan e que polo tanto máis adiante se poidan propor estudar esta carreira”, comenta Alma María Gómez, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e codirectora desta cátedra xunto a Virginia Mato (UDC). A codirectora salientou “a excelente acollida” que tivo esta iniciativa nesta primeira edición, apuntando como as prazas dispoñíbeis esgotáronse ás horas de abrirse o prazo de matrícula, o que fixo que a organización ampliase das 30 prazas inicialmente previstas ás 36.
O Aldaba-TIC Camp desenvolverase ata o venres 30 en horario de 9 a 14 horas no edificio Politécnico do Campus de Ourense. Está impartido por monitoras y monitores de PlayCodeAcademy e ao longo do seu desenvolvemento contará coa participación das investigadoras Patricia Concheiro e Carmen Miranda (UDC) e Lorena Otero e María Encarnación González (UVigo). Os obradoiros do campamento, que xoga coa idea de preparar unha misión para viaxar a Marte, estarán adaptados por idades pero entre as actividades que se propoñen están adestrar drons de recoñecemento, programar aplicacións de interacción e robots e fabricar un foguete e ferramentas 3D. Para conseguilo, as e os rapaces utilizarán ferramentas como Lego, Arduino, Scratch, impresoras 3D ou kits de robótica.
O obxectivo último desta actividade é espertar e “desenvolver nas e nos participantes o interese pola tecnoloxía e que a consideren algo atractivo e próxima, ademais de comprobar a súa utilidade”.

PUBLICIDADE