Facebook ficha a Hugo Barra para a súa división de VR

xoves, 26 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Comezabamos a semana co anuncio de que Hugo Barra deixaba Xiaomi para volver a Silicon Valley, e o que parecía un paréntese para explorar novos proxectos resultou ser un cambio de responsabilidades case instantáneo, pois a Mark Zuckerberg non lle faltou o tempo para anunciar que o que fora un dos máximos responsables de Android pasará a traballar para Facebook, para dirixir os desenvolvemento en realidade virtual, incluíndo o equipo de Oculus.
Dado que Hugo Barra aínda está estes días en China, para anunciar a nova fichaxe de Facebook Zuckerberg publicou unha imaxe na que ambas figuras do sector tecnolóxico están xuntas nun contorno virtual. Zuckerberg recoñece ter relación con Barra dende hai bastante tempo, xa que coincidiron tanto na súa etapa en Google como cando pasou a traballar para Xiaomi; considerando que sería unha boa persoa para levar a división de realidade virtual e realidade aumentada, ámbitos nos que ambos coinciden en serán grandes plataformas de computación, facilitando novas experiencias e abrindo portas á creatividade aínda por explorar.

PUBLICIDADE