Comezou no Xapón unha nova edición do Tokyo Game Show

xoves, 24 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Dende hoxe e ata o domingo ten lugar o Tokyo Game Show, unha fera tecnolóxica de videoxogos que pese a non achegar grandes novidades, é a que pon o peche do ano a este tipo de eventos.
Un dos detalles máis relevantes da xornada foi a confirmación dun segredo a voces: a Wii de Nintendo baixará de prezo. Así, a partires do domingo a Wii venderase a 199,99 dólares nos EE.UU., mentres que en Europa deberemos agardar ao 2 de outubro para ver a consola rebaixada a 199 euros. Esta xogada non foi ningunha sorpresa pois a Wii é unha consola que dende os seus inicios estaba a vender cun considerable sobreprezo, mentres que os seus competidores directos teñen que vender as súas consolas de alta definición procurando conter as perdas nunhas marxes aceptables. De todos os xeitos esta situación veu forzada polo feito de que tanto a PlayStation 3 como a Xbox 360 tiveron reaxustes de prezo, polo que a Wii destacaba nas tendas por ter un prezo abusivo, o que podería ter provocado unha caída nas vendas nos últimos anos, o que con esta pequena rebaixa poderán corrixir de cara ao Nadal.
Por outra banda, un provedor británico tamén asegurou que ían comercializar un paquete da Wii que estaría formado pola consola, un Wiimando, un nunchuck, un Wii MotionPlus e os xogos Wii Sports e Wii Sports Resort, mantendo o prezo actual da Wii.

Kaz Hirai presentou o novo sensor de movemento de Sony

Sony tamén levou as súas plataformas de xogo ao TGS, e coma o novo modelo da PlayStation 3 e a PSPgo xa non son ningunha novidade, Kaz Hirai quixo chamar a atención do mando con control de movemento que prepara a súa compañía, confirmando que o Wand sairá á venda na primavera de 2010, e estará composto por un mando e unha cámara, co que pretenden achegar unha experiencia de xogo superior á da Wii, aínda que en Sony deberon lembrar que o éxito da consola de Nintendo non está na tecnoloxía, senón nos xogos que a acompañan, de aí que xa adiantasen que Resident Evil 5 e LittleBigPlanet terán soporte para o novo accesorio da PS3.
Dende Sony tamén anunciaron que a súa consola portátil (PSP-3000) reduce o seu prezo dos 19.800 iens (147,71 euros) actuais a 16.800 iens (125,33 euros), entrando a rebaixa en vigor no Xapón o 1 de outubro, descoñecéndose polo momento qué pasará no resto de mercados internacionais, aínda que sorprende que rebaixen este modelo de consola antes do lanzamento da PSPgo, pois así a diferenza de prezo de ambas plataformas faise máis pronunciada. De feito, para animar á compra da PSPgo Sony vén de anunciar que os usuarios da PSP que teñan varios xogos orixinais mercados poderán optar á descarga de ata 3 títulos para PSPgo de balde dunha selección de 17 xogos (Killzone Liberation, Medievil,WipEout Pure, Buzz!: Brain Bender, Buzz!: Master Quizz, Socom U.S Navy SEALs: Fireteam Bavo, Ratchet & Clank: Size Matters, Everybody’s Golf, Resistance Retribution, Syphon Filter Dark Mirror, Lemmings, LocoRoco, Patapon, Syphon Filter: Logan’s Shadow, echochrome, Pursuit Force: Extreme Justice e Daxter).
O que xa non resultou tan agradable é que a promesa de que Sony ía achegar a Europa o seu servizo de vídeo tardará en cumprirse, e haberá que agardar a finais de 2010 para poder alugar películas e series de televisión na PS3.
Pero se hai unha compañía que parece chegar coa cabeza ben alta ao Tokyo Game Show esa é Microsoft, pos tras asombrar ao mundo co seu proxecto Natal durante o E3, agora aseguran no Xapón que preto do 70% da industria xa apoia o seu sistema de detección de movementos, e xa están a desenvolver xogos que o aproveiten en Activision Bluzzar, Bethesda, Capcom, Disney Interactive, Electronic Arts, Konami, MTV Games, Namco Bandai, SEGA, Square Enix, THQ e Ubisoft.
Hideo Kojima, o pai de sagas coma Metal Gear Solid, parece estar entusiasmado coa nova tecnoloxía de Microsoft, e chegou a asegurar durante o TGS que Natal é «coma o cambio das 2D ás 3D», aínda que está a referirse ao potencial desta sistema, amosando a súa predisposición para desenvolver algún título compatible con esta tecnoloxía que «ten o potencial para cambiar a forma de vida de calquera de xeito dramático», aínda que deberá superar antes uns tempos de transición, xa que os usuarios sentiranse confundidos inicialmente ao poder xogar sen un mando físico.

PUBLICIDADE