Como adaptarnos á nova realidade do teletraballo, no novo número de SiPYMEs

luns, 20 de xullo do 2020 S. P.

O teletraballo e as posibilidades que abre no medio da adversidade o uso das novas tecnoloxías para desenvolver as nosas rutinas laborais centra a temática do quinto e último número da revista en liña SiPYMEs, a publicación dixital de periodicidade anual que cada ano académico elabora a Aula TIC-Pemes da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo).
Segundo informa a USC, a última entrega desta publicación xa está accesíbel en liña, achegando unha serie de contribucións realizadas por diversos profesionais e empresarios de diversos sectores, que afondan nas particularidades que presenta este novo escenario laboral, unha realidade que se impuxo en moitas empresas pero que non o fixo de igual maneira en todos os escenarios, pola razón de que non todas estaban igual de preparadas para adaptarse á nova situación.
O quinto número de SiPYMEs compila a visión da modalidade de traballo non presencial dunha das empresas máis senlleira da capital luguesa, como é o caso de Arenal, da man de Sergi Sixto, que narra a súa experiencia nas áreas administrativa e de mercadotecnia.
O profesional de ferramentas colaborativas Hugo López tamén deixa a súa pegada na última entrega de SiPYMEs. Pola súa banda, a empresa Computer-3, adicada a proporcionar formación e ferramentas para desenvolver o teletraballo tamén fai a súa contribución nesta publicación a través dunha colaboración de Pablo López, consultor de protección de datos e especialista en dereito das TIC. Outro dos contidos que enriquece SiPYMEs é autoría de Carlos Navaza, asesor de empresas nas áreas de estratexia, negocio e enerxía. Francisco Labandeira, economista interino da Axencia Tributaria que forma parte do programa da campaña de IRPF Le Llamamos, e a profesional especializada en Auditoría Financeira Mercedes Permuy completan o abano de colaboradores que participan neste monográfico sobre teletraballo impulsado desde a Aula TIC-Pemes da USC.

PUBLICIDADE