Como escribir artigos efectivos para un blog? Manolo Rodríguez explícao na Coruña

xoves, 7 de abril do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro sábado o xornalista e blogueiro Manolo Rodríguez impartirá un novo relatorio no Espacio Working_ sito no segundo andar do centro comercial Espacio Coruña dentro das chamadas #charlasdigitalesEC, que buscan contribuír a tirar proveito profesional das redes sociais e que desta volta abordarán un tema de grande interese para moitos creadores de contidos: como escribir artigos efectivos para un blog. Esta charla botará a andar as 11:30 horas e terá unha duración aproximada de 45 minutos, aos que seguirá unha quenda de preguntas duns 15 minutos.
Rodríguez dará consellos sobre como titular un artigo para conseguir a atención do lector, como comezar un artigo para atrapalo ou que trucos fan que unha entrada dun blog poida lerse mellor. Incluso abordará dúbidas habituais como a lonxitude que deben ter titulares e artigos para conseguir un maior impacto, se hai que tratar ao lector de vostede... cuestións que é doado que xurdan cando un inicia unha bitácora de Internet.
Os interesados nesta charla que non poda acudir o sábado a Espacio Coruña terán unha nova oportunidade de asistir á sesión formativa o xoves 14, cando de 20:00 a 21:15 horas Rodríguez repetirá esta actividade no espazo de coworking WeKCo, sino na Avda. Novo Mesoiro da Coruña. En ambos casos a asistencia é de balde, aínda que na charla en WeKCo é precisa a inscrición por limitacións de aforo.

PUBLICIDADE