Como integrar o Machine Learning no noso negocio, ao detalle en Vigo e na Coruña

martes, 28 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

As máquinas están aquí para quedar. E máis tendo en conta o que prometen facer en canto crucen definitivamente a barreira da operatividade total, coa chegada do novo estándar de comunicación (5G), de máis e mellores ferramentas de análise masiva de información e do empurrón aos obxectos conectados (IoT, Internet of Things). As máquinas e as tecnoloxías intelixentes son unha oportunidade (permitirannos tomar as mellores decisións a todos os niveis), pero tamén un reto: abriranse camiño no día a día das empresas e, para que este camiño sexa racional e de utilidade, farán falta profesionais especializados. Disto estase a ocupar a consultora galega Vitae, que organiza estes días (en Vigo e na Coruña) as novas edicións do seu Curso de Solucións con Machine Learning.
A edición de Vigo (segunda edición do curso) será no Centro Social Afundación de Abanca, os días 7, 8, 14 e 15 de xuño. Pola súa banda, a convocatoria da Coruña (a terceira) será no Hotel Attica 21 os días 28 e 29 de xuño e, tamén, os días 5 e 6 de xullo.
Ambas accións formativas abranguerán 20 horas de adestramento para mostrarnos as principais aplicacións do ML e amosarnos como integralas no noso negocio.
Para quen non o saiba a estas alturas, o Machine Learning é o ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio.
Ademais, alén do seu papel científico, o Machine Learning ten moitas potencialidades para os sectores da banca, da medicina, do motor, das vendas ou das telecomunicacións, entre outros moitos.
Segundo explican dende Vitae, a finalidade deste curso é introducir ao alumnado no mundo do ML para que saiba diferenciar que problemas de negocio son susceptíbeis de seren resoltos mediante algoritmos de aprendizaxe máquina, e como asociar cada tipo de problema co algoritmo axeitado, e, tamén, como preparar os datos para obter os mellores resultados deses algoritmos. “Todo isto dende un punto de vista práctico, sinxelo e botando man de exemplos reais”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE