Como tirar proveito da neurociencia para xuntar os equipos máis axeitados, ao detalle da man de Vitae

mércores, 20 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Pode a neurociencia facer algo polos que buscamos as/os profesionais TIC e as/os compañeiras/os de traballo que mellor encaixen nos nosos proxectos? Sen dúbida que si. E máis se temos que en conta que esta disciplina, a neurociencia, adícase a estudar a fondo o comportamento do noso cerebro (a nosa principal ferramenta), poñendo o foco nas súas capacidades xa coñecidas e botando luz sobre outras que fican por desvelar. Nesta liña de estudar as potencialidades de cadaquén para xerar respostas, coñecemento e comunicación, cada profesional coas súas particulares e importantes potencialidades, é onde se sitúa o Curso de Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas na Neurociencia que organiza novamente Vitae Consultores e que vai pola súa décima edición. Celebrarase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 9, 10, 16 e 17 de xullo e terá 20 horas de duración.
Con este curso tentarase buscar solucións e repostas para preguntas coma estas: Como saber onde encaixará mellor unha persoa? Como coñecer que tipo de traballadoras e traballadores require cada proxecto? Que características específicas demandar e como formulalas da mellor maneira posíbel? Para aclarar zonas escuras e adestrarnos na toma das máis óptimas decisións é para o que se convoca novamente o devandito obradoiro, moi indicado para directores de proxecto e profesionais dos recursos humanos.
A actividade formativa pon ao noso alcance recursos para emendar unha das principais eivas da análise profesional destes días: a ausencia de instrumentos axeitados para valorar que tipos de talentos ten un profesional candidato a formar parte dun proxecto ou empresa. Tamén se busca dotar aos directores de proxectos e aos profesionais de recursos humanos das ferramentas precisas para saber formular as súas necesidades e interpretar, tamén, as diferentes propostas que se fagan en resposta a esas necesidades.
Segundo explican dende Vitae, o primeiro paso para calibrar a outro profesional será aprender a calibrarnos a nós mesmos. “Coñecéndonos deste xeito acadaremos meirande obxectividade na avaliación doutras persoas”, sinalan dende a consultora, engadindo que neste curso subministraranse as ferramentas e recursos máis indicados para lograr o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais, sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño do que se bote finalmente man.
Para Vitae, é unha realidade incontestábel que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI) demanda cada vez máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral, o que xera tensións nas empresas en canto a dar cumprido cos compromisos profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que facer, máis que na eficiencia, en como facer, para seleccionar candidatas/os e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de traballadores, aínda que ambas as facetas, a eficacia e a eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE