Compostela acolle a 5ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información

mércores, 16 de xuño do 2010 Raquel Noya

Dende hoxe, e ata o vindeiro día 19 deste mes de xuño, a capital galega, ademais de recibir aos habituais peregrinos que se achegan a Compostela para gañar o xubileo neste Ano Santo, tamén está a recibir a visita de distinos profesionais do campo das tecnoloxías da información e a comunicación, que asisten á 5ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (CISTI 2010), organizada pola USC.
Trátase dun evento técnico-científico no que anualmente se discuten e dan a coñecer as innovacións e experiencias achadas no campo das TIC así como as súas aplicacións.
A xornada, que se desenvolve enteiramente no Hotel Congreso, vai dar comezo esta mesma tarde, cun Simposio Doutoral no que uns 30 investigadores presentarán e discutirán cun tribunal internacional os avances e logros das súas teses de doutoramento. Este encontro supón unha extraordinaria oportunidade para que o alumnado graduado poida, dun xeito informal, presentar o seu traballo, discutilo e recoller as opinións que sobre o tema fagan os distintos especialistas convidados.
A conferencia propiamente dita iniciarase o xoves 17 ás 9:30 horas cunha serie de comunicacións simultáneas que continuarán até o sábado 19.
A inauguración oficial sería o mesmo xoves ás 15:30 horas coa asistencia do reitor Senén Barro; do presidente da Comisión Organizadora do CISTI2010, Carlos Ferrás; e do profesor da USC Manuel lama, que pronunciará a charla Geobuddies: Camiño de Santiago 2.0.
Trátase dun foro de debate especializado que ten por obxecto promover a investigación interdisciplinar nos campos da Tecnoloxía, da Sociedade, da Economía e do Territorio, e a interrelación entre todos eles. Deste xeito, a CISTI é unha oportunidade para establecer redes de networking entre empresas e grupos de investigación universitarios, así como para coñecer os avances e innovacións presentes en proxectos de investigación en curso, en teses de doutoramento, de master, etc, así como nos sistemas de información aplicados no ámbito empresarial, da administración ou da universidade.
Nesta edición presentaranse un total de 270 comunicacións procedentes de diversas universidades e empresas de España, Portugal e Latinoamérica; todas elas seleccionadas entre 400 candidaturas a través dun sistema de tripla avaliación blindada.
A CISTI 2010 está organizada polo Gist. Idega da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías de Información, sendo socios a Universidade Fernando Pessoa, a de Vigo, o Instituto Politécnico de Cávado e Ave, a Universidade de Estremadura, a Politécnica de Madrid, a Trás-os-Montes e Alto Douro, a Facultade de Enxeñaría da Universidade de Oporto, o ISEGI da Universidade Nova de Lisboa e a Universidade Tecnolóxica Nacional de Arxentina.

PUBLICIDADE