Compostela acolle unha mesa redonda sobre as redes sociais

martes, 15 de marzo do 2011 Raquel Noya

O Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche de Compostela vai dar acollida, na xornada de mañá mércores, a partir das oito da tarde, a unha mesa redonda que leva por título As Redes Sociais, Todo o que Tes que Saber, onde expertos do sector darán conta das vantaxes e desvantaxes que conlevan o uso destas ferramentas virtuais por parte da cidadanía así como os riscos que corren os máis novos que non teñen tino á hora de navegar por Internet.
Os principais temas a tratar neste evento xiran en torno aos perigos que agochan as redes sociais para os internautas máis novos e inocentes, que corren o risco de relacionarse virtualmente con adultos non gratos que abusen da súa confianza para fins delictivos.
No evento participarán, entre outros, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo (na imaxe), a psicóloga clínica e directora da UMAD, Pilar Bermejo, e Fernando Villar, formador da Garda Civil, que achegarán de primeira man información de utilidade para pais, nais e educadores en xeral, interesados en facer un uso axeitado das novas tecnoloxías aplicadas ás relacións sociais.

PUBLICIDADE