Compostela reunirá ao sector TIC no marco do terceiro Congreso Cidades Dixitais

venres, 17 de abril do 2015 Redacción

Os días 21 e 22 de abril o compostelán Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia acollerá a terceira edición do Congreso Cidades Dixitais, a tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade. Nel presentaranse os últimos avances en tecnoloxía smart para cidades, rexidos baixo os principios de desenvolvemento sustentábel, innovación tecnolóxica e eficiencia na xestión, encamiñados a mellorar os servizos emprestados aos cidadáns.
O encontro, organizado pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (CONETIC), en colaboración coa Asociación TIC en Galicia e Ineo contará coa presenza de representantes das administracións españolas, concellos estatais e representantes de cidades e institucións de Colombia, México, Perú e Uruguai, así como representantes da industria tecnolóxica marca España.
En canto a temas a tratar, o congreso abranguerá cuestións como: as solucións accesíbeis nas cidades e nos fogares para persoas con capacidades reducidas; os transportes intelixentes de mercadorías e de persoas; a xestión e reaproveitamento de residuos ou a seguridade e a integridade do dato.
Para máis información sobre o congreso e a súa axenda cómpre visitar a web de seu.
A inauguración do evento está prevista para as 12 horas do día 21, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Rúa Airas Nunes, s/n, 15703. Santiago de Compostela). Interveñen: Jorge Cebreiros Arce, presidente de CONETIC e Ineo, Belén Do Campo Piñeiro, Delegada Territorial da Xunta de Galicia, Víctor Calvo Sotelo, secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, e Agustín Hernández Fernández de Vermellas, alcalde de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE