ComputerWorld premia o impulso da Xunta de Galicia á sociedade da información e á e-Administración

martes, 1 de xuño do 2010 Redacción

Un ano máis a revista ComputerWorld concede á Xunta de Galicia o premio ao Proxecto Tecnolóxico do Ano no Sector Púlbico, que recollerá en Marbella esta noite a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.
Segundo explica a publicación «o galardón é un recoñecemento ao compromiso desta institución coa modernización TIC, como mostra a creación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Un ente cuxo obxectivo é impulsar e dar asesoramento técnico e apoio en materia de TIC e a súa aplicación para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e apoiar e dar servizo de forma centralizada ás diferentes consellerías, buscando a calidade, a racionalización e a mellora do nivel de servizo na xestión das TIC».
Os Premios ComputerWorld, que se entregan esta noite no marco da XVI Conferencia Anual da publicación, que nesta ocasión terá lugar en Marbella (Málaga), teñen o obxectivo de premiar e destacar aqueles proxectos que avogan polas tecnoloxías da información para mellorar o servizo dos organismos públicos e privados, así como o labor dos máximos responsables destes como artífices clave no aliñamento perfecto entre TI e negocio. Nesta edición da Conferencia outorgaranse sete premios en diversas categorías.
Ademais da Xunta de Galicia, ComputerWorld recoñece o labor de Caixa Galicia na categoría de Proxecto do Ano do Sector Privado; de Francisco Gimeno de Gas Natural como CIO do Ano do Sector Privado; do Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España CIO do Ano do Sector Público; de Jesús Pérez Iridoy de El Corte Inglés co Premio á Traxectoria Profesional dentro do Sector Privado; e Damián Oliva, interventor xeral da Consellería de Economía da Junta de Comunidades de Castilla La Mancha co Premio á Traxectoria Profesional dentro do Sector Público. Tamén farán entrega dun premio especial.

PUBLICIDADE