ConCiencia trae hoxe a Santiago ó matemático Peter D. Lax, Premio Abel 2005

martes, 30 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

O programa ConCiencia 2007 segue a coller corpo e faino, unha vez máis, achicando o espazo que separa á sociedade en xeral dos investigadores, dous mundos afastados en ocasións por un muro de palabras técnicas facilmente superable. A idea das xornadas, que están organizadas pola Universidade de Santiago e o Consorcio de Compostela, non consiste en traer á capital de Galiza científicos de prestixio internacional (incluíndo varios Premios Nobel) co fin de que falen da súa experiencia nun estrado durante apenas unha hora e logo despedirse deles sen que apenas se lles teña dado a oportunidade de crebar o protocolo.
A idea deste programa, que este martes 30 segue camiño cun relatorio no CGAC ás 20 horas do científico Peter D. Lax (Premio Abel 2005), é outra.
Trátase, si, de traer a eses mesmos investigadores de renome mundial pero cunha gran diferenza: baixándoos do estrado e facendo todo o posible por tirar partido das súas experiencias e que eles fagan o mesmo coas nosas. Cómpre sinalar que, amais de Peter D. Lax (na imaxe, considerado o matemático máis versátil da súa xeración e un dos fundadores da matemática computacional moderna), está previsto que acudan a Santiago ó longo das vindeiras semanas o Premio Nobel de Economía Jonh F. Nash (farao entre o 20 e 21 de novembro) e máis o Premio Nobel de Química John E. Walker (data por confirmar).

PUBLICIDADE