Conclúe a xornada celebrada en Vigo para mellorar o ensino da electrónica coas TIC

venres, 15 de xuño do 2012 Raquel Noya

Dende a chegada de Internet e as novas tecnoloxías ás nosas vidas, case non hai ningún eido profesional que poida desentenderse do seu uso ou prescindir das súas vantaxes. Por exemplo, as TIC aplicadas ao ensino permiten mellorar a metodoloxía e implicar ao alumnado nas leccións ás que hai 20 anos asistían como meros oíntes, podendo interactuar en tempo real con outras aulas, ou mesmo compartir as súas achegas particulares nas redes sociais.
E é que a gran cantidade de ferramentas e novos métodos didácticos que poñen a disposición do ensino, converten ás novas tecnoloxías en algo imprescindible para impartir a materia de Electrónica, e así o vén de confirmar o persoal que asistiu estes días ao X Congreso TAEE (Tecnoloxía, Aprendizaxe e Ensino da Electrónica), que tivo lugar en Vigo durante os tres últimos días.
Trátase da cita máis importante para os docentes de ensino superior das universidades españolas e latinoamericanas neste campo, que contou coa presenza destacada de Carlos Vaz de Carvalho, investigador do Instituto Politécnico de Porto; Russ Meier, profesor da Escola de Enxeñaría de Wisconsin e Senén Barro, ex reitor da Universidade de Santiago, entre outros.
Segundo explican no DUVI os seus organizadores, Alfonso Lago, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, e Martín Llamas, do de Enxeñería Telemática, o obxectivo era“mellorar a docencia no eido da electrónica”, botando man, para iso, das posibilidades da web 2.0 e 3.0 como contornas de colaboración; dos videoxogos aplicados á materia ou no uso de plataformas virtuais a modo de laboratorios remotos nos que probar o aprendido, e dende logo, así se intentou.

PUBLICIDADE