Condenan en Italia a varios executivos de Google pola hospedaxe dun vídeo polémico

mércores, 24 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

A finais de 2006 un grupo de 3 mozos italianos agrediron a outro con síndrome de Down e subiron a proba en vídeo a Google Video, servizo on de o clip estaría publicado uns dous meses ata que reclamaron o seu borrado. Tras este incidente, a asociación Vividown (de persoas co mencionado síndrome) presentou unha denuncia que en 2008 traduciuse en cargos contra 4 executivos de Google, despois de que dende a compañía axudasen ás autoridades locais na identificación da persoa responsable de subir o polémico vídeo á Internet (a quen condenaron a 10 meses de servizos comunitarios).
Contra os executivos presentáronse cargos por violación da intimidade e difamación, quedando estes últimos desestimados (o que librou de cargos a un dos directivos). Así, finalmente 2 directivos de Google Italia e outro responsable das estratexias de privacidade de Google para Europa foron condenados a 6 meses de cadea por violación da intimidade por un tribunal de Milán, o que dende Google denuncian que é unha «seria ameaza á Web en Italia» e que incluso vai contra a Directiva 2000/31/CE sobre comercio electrónico, que limita a responsabilidade dos prestadores de servizo por actividades intermedias como a hospedaxe de vídeo.
A sentenza foi recorrida, e é de agardar que os directivos de Google poidan saír airosos desta situación que claramente limita a liberdade na Internet, e faría imposible a web tal e como a coñecemos se os prestadores de servizo tivesen que verificar toda a información que publiquen os usuarios.

PUBLICIDADE