Conecta o teu negocio chega este martes á Coruña

luns, 4 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Este martes 5 de xullo chega á nosa terra unha iniciativa itinerante apoiada polo Goberno para promover e implantar comunicacións a prezo reducido nas pequenas e medianas empresas. A iniciativa, na que colaboran un bo número de empresas dende diversas frontes, chámase Conecta o teu negocio e, tal e como se indica no seu nome, diríxese a informar das vantaxes de estarmos en Rede e, de paso, a poñernos en Rede. O programa será dado a coñecer durante cinco xornadas, do día 5 ao día 9, nos Xardíns de Méndez Núñez na Coruña.
Cómpre subliñar que Conecta o teu negocio vén da man de CEPYME, Google, Strato, MRW, Banco Santander e Orange, co apoio institucional do Ministerio de Industria a través de Red.es. O obxectivo, informan, é “conseguir que ducias de milleiros de pemes españolas poidan crear, sen custo durante un ano, a súa páxina web”.
Durante as cinco devanditas xornadas, a unidade móbil do programa estará nos xardíns da cidade galega, achegándolles información e asesoramento ás nosas empresas para facerlles máis doada a posta en marcha dun sitio en liña dende o que promovérense.
Para rematar, engadir que Conecta o teu negocio é un proxecto que naceu non exento de polémica. Unha boa parte do rebumbio orixinado coa súa posta en marcha orixinouse precisamente dende a nosa terra, onde asociacións como EGANET criticaron duramente a proposta por considerala unha clara mostra de competencia desleal. Máis polo miúdo, a xuízo da asociación galega o proxecto da CEPYME é “unha ameaza para o sector TIC, e pode chegar a desartellar o tecido das pemes galegas dedicadas aos novos recursos e servizos do coñecemento”. Amais disto, EGANET considera que a devandita iniciativa nin sequera asegura taxas de rendibilidade que puidesen xustificar a súa posta en marcha, cousa que se agrava se temos en conta que contou con cartos públicos para o seu financiamento, a través do Plan Avanza do Ministerio de Industria.

PUBLICIDADE