Conexiona Telecom desenvolve unha ferramenta baseada en software libre que facilita o teletraballo

mércores, 9 de decembro do 2009 Raquel Noya

A empresa Conexiona Telecom, que desenvolve a súa actividade no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en Ourense, vén de lanzar ao mercado o primeiro paquete integral de solucións para teletraballo baseado nunha plataforma de software libre do que non se coñece unha iniciativa similar anterior.
Logo de telo testado con varios clientes de toda España, a empresa desenvolvedora está a negociar o Telwork, que así se chama a ferramenta, cun grupo de telecomunicacións de ámbito estatal interesado na distribución en exclusiva da mesma.
Segundo o responsable de Conexiona, José Antonio Losas, a firma desenvolveu esta ferramenta logo de comprobar que non existía ningunha solución que integrase todos os servizos necesarios “para trasladar o posto de traballo á casa nun só paquete”.
Xa que logo esta empresa, que conta con sete anos de experiencia no sector das telecomunicacións, vai revolucionar o mercado cun orixinal produto que permite mellorar a calidade de vida ao trasladar por completo o posto de traballo ao domicilio vía Internet.
Segundo veñen de anunciar os seus responsables, Conexiona pon no mercado “o resultado dun proxecto de innovación que continuará a desenvolver para mantelo actualizado”.
Este paquete de comunicacións foi deseñado, segundo explica Losas, con base na tecnoloxía IP Asterisk, unha plataforma de software libre “que lle permitirá ás empresas poñer a disposición dos seus empregados a posibilidade de traballar dende a casa de maneira puntual ou continuada, cun investimento moi pequeño”.
A aplicación permite traballar no domicilio co mesmo acceso a comunicacións e información que se ten na oficina, dende a telefonía (tanto fixa como móbil) ata as bases de datos e mesmo a videoconferencia.
O representante de Conexiona asegura que esta solución de teletraballo “supón un aforro de custes para as empresas a nivel de comunicacións (grazas á telefonía IP), de espazo necesario para as súas oficinas e de produtividade a través do control de actividade que permite a aplicación”.
Para o traballador, engade, “tradúcese ne aforro de tempo e cartos en desprazamentos e a mellora da conciliación da vida laboral e familiar”.

PUBLICIDADE