Confirmada a representación galega entre os primeiros candidatos da Confederación Pirata

mércores, 19 de febreiro do 2014 Redacción

O candidato pola nosa terra, Fabián Plaza

A Confederación Pirata vén de facer públicos os resultados da primeira fase das súas primarias abertas. Entre outras cousas, neste proceso elixíronse os seus tres primeiros candidatos, deixando a materialización do resto da listaxe para a segunda fase que comezará o 10 de marzo. A votación estivo aberta para calquera e a través dela elixiuse ao candidato por Catalunya, Darío Castañé (administrador de sistemas, coordinador en proxectos do movemento pirata e divulgador sobre os procesos electorais e a cultura libre), á candidada por Madrid, Lorena Müller (activista e fotógrafa profesional) e ao representante por Galicia Fabián Plaza (escritor e avogado con ampla traxectoria en Dereito Internacional e Internet).
Os candidatos, informa a Confederación Pirata, elixíronse usando o sistema de votación Agora Voting, polo mecanismo de voto único transferíbel. Este foi secreto, cifrado, publicamente auditábel e verificábel. O segredo de voto foi asegurado mesmo para os administradores dos sistemas informáticos, cun sistema cifrado baseado no censo compartido por varios partidos que forman a Confederación, que foron á súa vez os encargados do reconto. “O reconto foi exhaustivo”, engade a plataforma política, “tanto manual como automático, verificando a integridade de cada unha das achegas”. Por certo que os vindeiros días abrirase a segunda fase de votación, onde sairán elixidos os restantes voceiros da candidatura da Confederación Pirata. Para este proceso, convócase de novo aos cidadáns en xeral, aínda que non estean afiliados aos partidos piratas.

PUBLICIDADE