Confírmase a tendencia do uso de Twitter como complemento da televisión

mércores, 21 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O uso do móbil como segundo pantalla mentres se ven programas de televisión non é ningunha sorpresa, como xa reflectía o estudio sobre Twitter e televisión publicado hai un par de anos, que vén de reeditarse para confirmar o crecemento de tal tendencia, de xeito que entre os usuarios españois de Twitter detectouse que o 89% utiliza esta plataforma diante do televisor, o que é un importante crecemento fronte ao 70% de 2014. O 74% dos consultados tamén recoñecen empregar Twitter durante o seguimento de programas en directo.
Os usuarios declaran que Twitter fai que a experiencia televisiva sexa máis entretida, e identifican dous tipos principais de conversa relacionada con programas de televisión: contido humorístico/divertido e información útil/seria. Tamén se recoñece que o uso de Twitter mentres se ve a televisión responde á necesidade de compartir unha emoción no momento xusto.
O 60% dos usuarios tamén recoñecen adorar a conexión directa coas celebridades, o reparto e os presentadores, conseguindo o usuario ver recompensada a súa actividade en Twitter coa publicación dos seus chíos en pantalla ou coa interacción con algún famoso.
Aínda que comentar programas de televisión en Twitter enriquece claramente a experiencia televisiva, os programas de televisión tamén se benefician da actividade en redes sociais pola atracción de espectadores (o 68% de usuarios recoñece ter interese por ver programas que se comentan en Twitter e o 69% asegura ter visto un programa por ter chegado a Trending Topic) e por xerar fidelidade e manter o interese dos espectadores.

PUBLICIDADE