Confírmase o retroceso da especulación con dominios na Rede

luns, 21 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Nos últimos tempos estase falando moito de ciberokupas e cun aquel de falsidade. Dito doutro xeito: comparar a alguén que vive nunha casa ocupada con un individuo que na Internet se dedica a acaparar dominios para logo sacar beneficio do tema é sen lugar a dúbidas unha semellanza feita á lixeira e, sobre todo, inxusta. Dito doutro xeito: é coma se estivésemos a meter no mesmo saco ás persoas que viven en casas abandonadas e ós individuos que teñen máis culpa desa situación: os especuladores. En realidade, iso son os chamados “ciberokupas”: especuladores da Rede, xurdidos e medrados ó abeiro do negocio da Internet, é dicir, alí onde hai algo no que meter o dente.
O xeito de operar de estes internautas (que segundo datos achegados sobre as súas actividades en 2007 están xa de capa caída) é semellante ó dun oportunista do mercado inmobiliario, á procura de todo aquel terreo en vías de valorización para vendelo no intre axeitado.
Isto, aplicado á Rede, tradúcese nunha busca de todo aquilo que teña ou vaia ter repercusión nos medios e no mercado. Ou sexa, que se te convertes axiña en cantante de éxito, sen ter tempo sequera para habilitar web, pode ser que cando o fagas descubras que alguén xa se che adiantou.
Con todo, e a xuízo dos ditos informes, a situación sería hoxe máis xusta co cantante en cuestión, e semella que xa non é tan rendible meterse en enleadas en ciber-especulación, a diferenza do que pasaba hai oito ou nove anos, con prácticas de chantaxe incluídas a famosos/as de gran repercusión nos medios informativos.
A partir de aí, e máis concretamente da posta en marcha da Política uniforme de solución de controversias en materia de nomes de dominio da ICANN, o negocio do oportunismo fraudulento en liña comezou a declinar.
Brevemente e para que se entenda, esta normativa do órgano que regula os dominios a nivel mundial non impide que se manteña o principio de liberdade no mercado que antepón os dereitos do primeiro que chega e se fai cun dominio ós dos que chegan despois, pero tamén é certo que no caso de probable tentativa de especulación en liña actúa sempre a favor do usurpado, chegara ou non de primeiro.
Con estas e outras medidas, conseguiuse que estas prácticas teñan cada vez menor repercusión. Así, en 2007 denunciáronse só 2.156 casos de apropiación indebida de dominio, relativamente baixa porcentaxe para un panorama en liña de máis de 33 millóns de novos dominios rexistrados ó longo dese mesmo ano.
Ou sexa, que hai un caso de ciber-especulación por cada 15.000 novos sitios da Rede.

PUBLICIDADE