Conta atrás para o lanzamento de Touriño.tv

mércores, 21 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O dominio Touriño.tv funciona na práctica totalidade dos navegadores web actuais

Este xoves o PSdeG presentará Touriño.tv, a canle de vídeo na Internet do candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia, sendo a primeira web deste tipo que fai uso do eñe no seu nome de dominio, aproveitando o sistema de dominios internacionalizados (IDN) que actualmente xa funciona correctamente na meirande parte dos navegadores web (Internet Explorer 7, Safari, Opera, Google Chrome e Mozilla Firefox, aínda que neste último amosa na barra de enderezos o dominio xn—tourio-0wa.tv) sendo posible facelo funcionar no Internet Explorer 5.0/5.5/6 a través dun engadido para o navegador. Para facilitar que os usuarios que non conten cun teclado en español a web tamén estará accesible dende o dominio Tourino.tv.
Neste momento a web presenta unha conta atrás que conta as horas, minutos e segundos que faltan para o inicio desta televisión virtual, que terá que competir coa de Anxo Quintana e a de Núñez Feijóo. A estrea de Touriño.tv chegará cunha entrevista ao presidente da Xunta «en clave persoal».

PUBLICIDADE