Convidan a celebrar o Día das Letras Galegas agasallando música

luns, 30 de abril do 2012 Marcus Fernández

Partitura de Ti es dos meus

O ano pasado, co gallo do Día das Letras Galegas, organizouse un agasallo sincronizado para o mundo, iniciativa que consistía en interpretar a partitura do tema Ti es dos meus (que pode descargarse en formato PDF) rexistrando a versión en vídeo para compartila con amigos de todo o mundo o 17 de maio, como un xeito de festexar a nosa lingua, buscando que quen recibise a canción tamén optase por reenviarlla aos seus coñecidos, acadando certa viralidade, chegando a superar as 19.000 reproducións de vídeos en YouTube grazas á achega de 21 temas nos que participaban estudantes, formacións musicais, actores e cidadáns anónimos.
En vista deste éxito, este ano quere repetir a iniciativa e convocan a través de Facebook á participación, para o que só hai que gravar un vídeo interpretando o tema indicado, que dura menos de medio minuto, de xeito que o Día das Letras poidamos compartilo cos nosos coñecidos.


Vídeo dun dos agasallos sincronizados de 2011

PUBLICIDADE